Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Debate sobre os usos da Illa de San Simón con diversas visións

illa san simón

É licito organizar na Illa unha busca do tesouro, festivais de música ou debería restrinxirse este espazo a actividades vinculadas coa memoria histórica atendendo ao seu pasado como cárcere franquista? O debate non é novo e compre darlle unha resposta. Así o entende a Iniciativa Galega pola Memoria quen organiza o sábado 18 unhas xornadas abertas e de balde que se van desenvolver en Moaña. Representantes da memoria, a investigación, navieiras que operan na ría, festival SinSal e concello redondelán intercambiarán posturas sobre as actividades acaídas no Lazareto Para asistir só fai falla inscribirse no correo do voceiro da IGM: matiasdatorre73@gmail.com

O obxecto das xornadas é responder a un debate aberto que ten que ver con cales serían as acvidades acaídas para celebrar na illa de San Simón e cales non, tendo en conta o seu pasado.

Montse Fajardo, IGM

A IGM, responsable da organización do encontro, celebra esta actividade en Moaña tras negarse a Xunta de Galicia a habilitar os barcos para o traslado de participantes á propia illa, onde querían terse realizado . Precisamente, unha das razóns que leva ao movemento memorialista galego a debater sobre os usos da illa é a total ausencia nela de actos de memoria, máis alá da homenaxe anual que a propia IGM realiza cada xullo e para a que a Xunta si pon os barcos, denegados desta volta. Un goberno galego que entende, busca borrar ese pasado.

As actividades do día 18 arrancarán as 10:30 e contará cona invetigadora Iria Morgade, especialista no estudo de lugares de represión como Camposancos ou o Mosteiro de Oia, que impartirá a charla “A importancia dos lugares de memoria”. Tras ela, tomará a palabra o profesor de dereito de Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, especialista en dereito patrimonial que, na súa ponencia “O marco legal da illa de San Simón”, aclarará cal é normativa que limita os usos da illa, declarada Ben de Interese Cultural.

Ás 12.30 horas, haberá unha mesa redonda que pretende dar cabida a distintas visións sobre a illa: A organización convidou unha representación das navieiras que operan na ría, e como representante das actividades culturais que se celebran nela estará tamén na mesa Julio Gómez, organizador do festival SinSal. Por parte do movemento memorialista falarán Matías da Torre, voceiro da IGM, e a tamén integrante do colectivo e investigadora Montse Fajardo. Por último foi convidada a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como representante do territorio no que se asenta o antigo cárcere.

As xornadas pecharanse ás dúas da tarde cunha intervención do poeta Xosé Álvarez Cáccamo, activista en pro da memoria histórica e neto de Darío Álvarez Limeses, asasinado polo fascismo en outubro de 1936.

Con estas xornadas, a IGM pretende dar resposta a unha preocupación vella tanto do movemento memorialista como das familias das vítimas: o uso da illa de San Simón que, malia o seu pasado como cárcere franquista e a restrición normativa que supón a súa consideración como Ben de Interese Cultural, acolle actividades de todo tipo. De feito, foi o propio movemento memorialista o que impediu que se celebrase nela unha festa de disfraces na noite do Samaín, como pretendía unha navieira hai só un par de anos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará