O recital, que serve para conmemorar os oito anos de emisión do programa Tempo de jazz da Radio Municipal de Redondela, terá lugar mañá sábado no Multiusos da Xunqueira ás 20:30 horas
“Dou2+Dou2 Silver Street” é unha formación integrada polo contrabaixista redondelán Antonio Crespo “Castillo”; o tamén redondelán Alberto Vilas ao piano; o poeta Arturo L. Regueiro, e mais Luís G. Cuntín, que, como o anterior, achega os seus textos poéticos e a súa voz.
Este recital, enmarcado no conxunto de actividades culturais que patrocina o Concello de Redondela con motivo das festas do Nadal, supón a presentación pública da formación e do seu primeiro proxecto: “así é o meu AMOR=MEMORIA”; unha reflexión e unha celebración da música e a palabra como alegato contra a nada e o tempo. En “así é o meu AMOR=MEMORIA” a pretensión de “Dou2+Dou2 Silver Street” segundo eles mesmo afirman “é ir alén da simple poesía acompañada de música para crear, na clave dialogada e colectiva, no timbre mestizo, nocturno e transgresor do jazz, un híbrido con personalidade propia”.
A actuación será o sábado día 19, ás 20,30 horas. no auditorio Multiusos da Xunqueira en Redondela e serve á Emisora Municipal para conmemorar os xa máis de oito anos de emisión continuada do seu programa “Tempo de Jazz”; un espazo para a divulgación desta música que se radia os martes e sábados -en repetición- das 23,00. ás 24,00 horas.