A Asociación de Veciños afirma que se trata dunha demanda histórica e reivindica outras infraestruturas como un Centro de Día ou unha gardería. Critican o deixamento que a Concellería de Vías e obras está a ter coa parroquia
A corporación municipal aprobou onte en pleno extraordinario unha modificación puntual do Plan especial de reforma interior (Peri) de Chapela indispensable para proceder a construír o futuro complexo náutico deportivo, dotado de dúas piscinas cubertas, centro de talasoterapia e spa así como de un espacio para o club de remo. Unha modificación da parcela da antiga fábrica de Carballo, que pasa de industrial a zona de equipamento, e que se aprobou cos votos a favor de todos os grupos, excepto o PP, cuxos concelleiros optaron pola abstención. A decisión de dar luz verde ao proxecto da piscina é aplaudida dende a asociación de veciños de Chapela quen dende hai anos viña demandando unhas instalacións deportivas destas características para a parroquia. Con todo, lembran que en Chapela hai outras moitas carencias que pasan por unha gardería ou un centro de día, servizos indispensables para atender á poboación da zona. O colectivo veciñal critica por outra banda o funcionamento da Concellería de Vías e Obras, a quen dende hai meses veñen demandando o arranxo de ata un total de vinte camiños sen que as súas queixas sexan atendidas. Si se lles informou no último consello parroquial do futuro arranxo de beirarrúas na Avenida de Redondela e da humanización, coa inclusión de semáforos e aparcamento, na Avenida de Vigo. A presidenta da asociación veciñal afirma que hai unha débeda coa parroquia de Chapela, así como con outras moitas, xa que habitualmente os esforzos dos políticos e do goberno local se reducen a atender as demandas do centro urbano.