A agrupación está composta por sete concellos e estará coordinada directamente pola Dirección Xeral de Emerxencias, o que permitirá un importante incremento de recursos, persoal e a mellora da prestación dos servizos, segundo explican dende o goberno local de Soutomaior.
O goberno de Soutomaior, xunto con outros seis concellos de todas as cores políticas, vén de iniciar os trámites para integrarsena agrupación Oitavén-Tea de Protección Civil. Esta agrupación permitirá que Soutomaior e o resto de concellos participantes conten cun importante incremento de recursos e persoal, o que a súa vez suporá a mellora da prestación de servizos.
Lembran dende o o Concello que Protección Civil en Soutomaior ten máis de 20 anos de antigüidade, polo que se atopa moi desactualizada e é incapaz de responder ás necesidades actuais do municipio. Neste sentido, a Dirección Xeral recomenda ao goberno local disolver a actual corporación de Protección Civil, aspecto que se levará ao próximo pleno, para integegrarse na agrupación Oitavén-Tea. Nas vindeiras semanas, a Dirección Xeral e os concellos implicados neste proxecto aprobarános novos estatutos desta agrupación conxunta, que suporán unha melloría do servizo en termos de eficacia e eficiencia.
Grazas a esta renovación de normativa, o Concello de Soutomaior contará con novo equipamento e maximizará o rendemento de Protección Civil prestando un mellor servizo a un menor custe. Así mesmo,a nova agrupación optará a mellores subvencións, o que a súa vez repercutirá na obtención de máis e mellor material para executar as súas funcións. Ademais, de acordo co negociado coa Dirección Xeral de Emerxencias,esta nova agrupación contará con profesionais con ampla formación no sector das emerxencias contratado a tempo completo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “Protección Civil cumpre un importante papel no noso concello, e por iso o goberno local aposta por mellorar a prestación dos seus servizos da man da Dirección Xeral de Emerxencias,e doutros concellos da contorna e de todas as cores políticas,imos traballar conxuntamente para que a nosa veciñanza conte cos mellores e máis eficientes servizos”.