Digna Rivas e roberto Villar (AER) nunha recente visita a Santiago
Os socios de goberno de Rivas lembran que a suposta irregularidade denunciada polo PP, sobre a presentación de documentación falsificada na solicitude dunha subvención, sería produto da “torpeza e incompetencia de quen o fixo”, con todo engaden que de demostrarse que houbo falsificación documental “a alcaldesa será responsable política por ter tomado esa decisión ou por ter confiado na persoa ou persoas que o puideron facer”. Recomendan prudencia tanto ao PP como ao PSOE en tanto non se remate o expediente aberto no Concello de cara a aclarar quen estaría detrás das supostas irregularidades cometidas na solicitude.
Novo capítulo na polémica que xa levou a alcaldesa a presentar unha denuncia por “calumnias” contra o voceiro popular Javier Bas, logo de que a acusaran dende o PP de ter cometido “falsidade documental” na solicitude dunha subvención para a remodelación da praza de abastos de Redondela.
Agora é a Agrupación de Electores quen decide facer público o seu posicionamento neste asunto que, lembran “teríase producido en abril de 2023 cando o PSOE gobernaba en solitario”. Nesa altura “o concello tería presentado unha memoria elaborada por un arquitecto externo ao Concello no ano 2021 pero coa data e a firma modificada”. Un feito que podería ter consecuencias legais “afectando gravemente a persoas con nomes e apelidos” polo que instan a todas as partes a actuar con moita prudencia e deixar que actúen os órganos xurisdicionais correspondentes.
En canto as consecuencias políticas que poidan derivar deste asunto insisten en que “de demostrarse, como di o PP, que se falsificou un documento para pedir unha subvención, Digna Rivas será responsable política por ter tomado esa decisión ou por ter confiado na persoa ou persoas que o puideron facer”.
Con todo, tamén insisten en que “sen ánimo de restarlle nin un gramo de gravidade ao asunto, dende un punto de vista meramente político todo apunta máis a torpeza e a incompetencia, que a mala fe”.