Caramuxo teatro presenta ás 18:00 horas no Multiusos o gran éxito editorial galego, Os Bolechas, unha comedia musical con monicreques.
Un espectáculo que nos amosará un día na vida desta divertida familia, onde coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e a Carlos, o máis vello dos irmáns. O texto está creado en colaboración entre a compañía e o autor de Os Bolechas, Pepe Carreiro e chega acompañado dunha banda sonora creada pola compañía e realizada por músicos da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia. Inclúe partes musicais cantadas e outras melodías que buscan crear diferentes ambientes na escena. E o máis importante, os bonecos do espectáculo tipo Muppets tallados en gomaescuma e os actores Xosé Manuel Esperante, Laura Sarasola e Juan Rodríguez. Unha obra que os integrantes de Caramuxo decidiron levar ao teatro logo de comprobar o éxito que os personaxes de Carreiro tiñan entre os cativos A representación será esta tarde ás 18:00 horas no Multiusos dentro da programación do Nadal Cultural da Concellería de Cultura.