A xornalista viguesa recibía o III premio no transcurso da gala celebrada no Multiúsos da Xunqueira que serviu para homenaxear e lembrar a Sesé Mateo e a todas as vítimas da violencia de xénero co gallo do 25N. Liste agradeceu o galardón precisamente a esas mulleres que confiaron nela para contarlle a súa historia o que lle permitiu escribir a reportaxe premiada “A orde de afastamento sen pulseira non vale” así como a todas as mulleres que sobreviven a violencia machista.
As súas reivindicacións non remataron aí. Quixo tamén facer “unha condena rotunda ao xenocidio do Pobo Palestino que está a ter lugar en Gaza” e denunciou a deriva dos medios públicos sumándose aos Venres Negros dos profesinais que denuncian a manipulación na RTVG.
Con todo, atendendo ao carácter do premio do Concello de Redondela que busca recoñecer os traballos xornalísticos que fan un tratamento ético á hora de afrontar informacións sobre violencia machista, reclamou “maior formación de xénero nas redaccións que permitan contar cunha visión respetuosa á hora de tratar este tipo de noticias” para que non se volva repetir o “tratamento infame que recibiu o asasinato de Sesé Mateo”.
Recalcou o contido da súa reportaxe publicada en Praza.gal que busca “que a sociedade poida ver máis aló das cifras así como dar a coñecer o día a día desas mulleres que sobreviven á violencia machista cunha pulseira que non lles permite esquecer que o perigo sigue aí ao tempo que lles permite seguir vivindo”. Quixo ademais agradecer a valentía de todas esas mulleres e, en concreto, a xenerosidade das “que me relataron a súa historia e confiaron en min para que a contara” e recalcou a necesidade de seguir dando pasos dende as institucións ante un “problema estrutural e sistémico” como é a violencia machista insistindo en que “nos seguen matando polo feito de sermos mulleres”.
Unha gala que contou tamén coa presenza e a intervención de Joshua Mateo, fillo de Sesé, quen agradeceu que a memoria da súa nai se manteña viva grazas a este premio así como a alcaldesa, Digna Rivas, quen se comprometeu a seguir traballando para que este premio medre e se consolide no futuro.
O acto contou coa actuación musical do grupo local Faíscas e a Aula Municipal de Teatro, que interpretou poemas de Sesé Mateo así como das gañadoras das edicións anteriores, Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG) quen participaron nunha charla aberta sobre o machismo nos medios de comunicación conducida pola presentadora do acto Laura Vaqueiro.