Confían en recuperarse dos malos resultados do 2009 grazas aos visitantes que se achegarán a Galicia co gallo do Ano Santo. Temen os custes económicos e en clientela que pode provocar a prohibición de fumar en locais de ocio e restaurantes
Logo dun ano de malos resultados cun 30% menos de negocio na provincia de Pontevedra, os hostaleiros inician o 2010 coa vista no Xacobeo e na nova lei antitabaco. Unha de cal e outra de area que vai ter as súas consecuencias nun sector castigado nos últimos meses cunha diminución da clientela no locais de copas e restaurantes e cun descenso notable no número de noites que os visitantes pasan nos hostais e hoteis da comarca. A Federación Provincial de Hostalaría confía en que o ano Xacobeo permita unha certa recuperación no sector xa que se estima que serán moitos os que se acheguen a Galicia ao longo dos vindeiros meses. Peregrinos e visitantes que se farán notar sobre todo no Camiño Francés, pero que tamén estarán presentes no Camiño Portugués. Beatriz Carballido, da Federación de Hostalería, entende que este debe ser o ano no que Galicia se dea a coñecer e logre “que ese visitante que ven atraído polo Xacobeo repita en anos vindeiros” No outro lado da balanza, os hostaleiros mostran as súas reticencias ante a chegada da nova lei antitabaco que podería entrar en vigor antes de seis meses e que suporá tal e como xa anunciou o Ministerio de Sanidade a prohibición total de fumar en espacios pechados, locais de ocio e restaurantes. Os hostaleiros critican que a medida chegue logo de que moitos propietarios tiveran que investir importantes cantidades en acondicionar os seus locais para crear espazos separados para fumadores e non fumadores