Afeccionados e iniciados nos mundo das artes plásticas poden participar nestes obradoiros que se van desenvolver en horario de tarde no multiusos da Xunqueira do 11 ao 15 de xaneiro
Os asistentes a este curso, que se imparte por terceiro ano consecutivo en Redondela, achegaranse ás diferentes técnicas de gravado dende as máis sinxelas de punta seca en prancha de metal a outras máis específicas como o gravado matérico. Os encargados de impartir o obradoiro son os artistas Pilar Fernández Rei e Xabier de Sousa. O curso dividirase en dúas xornadas, os días 12 e 14, orientadas a alumnos de Lenda, aos membros dos clubs de lectura das bibliotecas de Chapela e Redondela así como a todos os maiores de 9 anos que queiran achegarse ao mundo do gravado. Os días 11, 13 e 15 reservaranse para persoas con coñecementos en artes plásticas, un grupo avanzado que se impartirá en horario de 17:00 a 21:00 horas. Os asistentes ao curso realizarán un exercicio que levarán ás súas casas, mentres que outra copia quedará no Multiusos. Coa suma de todos os traballos comporase un gran mural que poderá verse no edificio da Xunqueira.