A praza do concello encheuse de paraugas de diferentes cores para comemorar o Día Internacional da Diversidade Funcional que se celebra este 3 de decembro. Un ano máis co lema “baixo o mesmo paraugas” reivindicouse unha sociedade máis inclusiva e diversa nun acto convocado pola Asociación Andaina en colaboración co Concello de Redondela.
O presidente do colectivo, Antonio García, lembrou que é necesaria “unha educación máis inclusiva, con persoal que teña unha formación axeitada” e demandou unha aposta polo emprego para as persoas coa diversidade funcional, con ofertas adaptadas “para unha sociedade unida, sen discriminación”.
No acto participaron usuarios da asociación Andaina, que queren “derrubar barreiras” e tamén escolares dos centros IES Illa de San Simón e o CEP Santa Mariña, que reclamaron unha sociedade “máis xusta e solidaria” e comprometéronse a traballar para “desterrar a discriminación”.
A alcaldesa Digna Rivas foi a encargada de pechar o acto cunha intervención na que agradeceu o traballo que Andaina fai “todos os días do ano” e reafirmou o compromiso do Concello “para facer de Redondela un lugar inclusivo que respecte as diferencias e as capacidades de todos e todas”.