A Agrupación de Electores de Redondela súmase así ás críticas xa emitidas polo PP logo de coñecerse que será Elsa Quintas, número 4 do BNG de Vigo quen asumirá o cargo de confianza negociado entre PSOE e BNG no pacto de investidura. Para AER é “un fraude á veciñanza o nomeamento dun cargo político camuflado como persoal de confianza” e acusan aos nacionalistas de empregar “os pactos políticos en Redondela para colocar a persoas do seu partido que non acadaron un cargo electo neste caso nas eleccións municipais de Vigo”.
Lembra AER que o BNG pactou con Digna Rivas un acordo de investidura polo cal os nacionalistas apoiarían á socialista a cambio principalmente dun cargo de confianza que o BNG insistía en que era imprescindible para axudar á veciñanza en calquera xestión que necesitara realizar de xeito presencial no Concello. Sen embargo, logo de coñecerse que será a número catro da lista ao concello de Vigo, Elsa Quintas quen ocupará este cargo, afirman dende AER “que a verdadeira intención do BNG non é a de servir á veciñanza, máis ben a prioridade era darlle un cargo e colocar de maneira fraudulenta no Concello de Redondela a unha persoa que non acadou cargo electo en Vigo”.
Para AER, o comportamento do BNG é absolutamente decepcionante dende as pasadas eleccións. Primeiro por negarse a asumir a alcaldía, porteriormente por rexeitar formar parte do goberno e finalmente con este movemento por “antepoñer os intereses do seu partido aos intereses da veciñanza en Redondela. Non están preocupados de axudar a este goberno, unicamente semellan preocuparse dos seus intereses, neste caso, dos intereses do BNG de Vigo”.