Os preto de cen espectadores que presenciaban na mañá de hoxe o partido entre os equipos de SAR e Cañiza correspondente a liga de alevín foron expulsados do interior do polideportivo polo colexiado do partido ante a actitude agresiva dunha afeccionada. A Federación Galega de Balonmán condena “rotundamente a actitude violenta da muller implicada no incidente” así como “a ausencia total de arrepentimento unha vez foi identificada polos axentes da Policía Local”.
Os feitos tiveron lugar durante o encontro que se disputaba ás once da mañá entre os equipos da categoría alevín “Sar Nosatún” e “Contrucciones El Hogar Balonmán Cañiza”. Cando se xogaba o terceiro cuarto do partido o árbitro detivo o xogo para dirixirse a unha espectadora que de xeito continuado estaba a increpar ao colexiado e aos xogadores, sendo aplaudido pola gran parte do público que se atopaba seguindo o partido. A continuación, e vendo que a tensión da bancada non beneficiaba aos rapaces, decidiu a entrada a vestiarios dos xogadores e o desaloxo do pavillón. Os rapaces disputaron o último dos cuartos pendentes a porta pechada e co recinto baleiro de público.
A raíz destes feitos, a Federación trasladou un comunicado no que condean “rotundamente a actitude violenta da afeccionada implicada no incidente e a ausencia total de arrepentimento unha vez foi identificada polos axentes do corpo de seguridade local” e anuncian que con fin de afastar estes comportamentos do Balonmán Galego “daremos traslado de toda a información da que dispoñemos ao Comité Territorial de Competición e á Comisión Galega de Control da Violencia no Deporte”.
Amosan ademais o seu total apoio ao colectivo arbitral e agradecen tanto á SAR como ao Club Balonmán Cañiza a colaboración dos seus corpos técnicos e directivas, así coma a condena inmediata e contundente dos feitos.
Conclúen o comunicado cun non rotundo “á violencia no deporte, non a normalizar os insultos e as saídas de ton, non a ir aos pavillóns a facer que outra xente non desfrute do balonmán e non a mirar para outro lado”.