A veciñanza de Pazos de Borbén únese ao Concello para denunciar a prolongada demora da Deputación de Pontevedra en iniciar os traballos de acondicionamento da estrada EP2702.
Esta preocupación xa ven de anos atrás e vai a máis debido a que as condicións da vía empeoran cada día e son moitos os incidentes que se producen, afortunadamente menores polo momento. O alcalde de Pazos lembra que “o anterior goberno da Deputación anunciou un inicio inminente dos traballos nesta estrada. Con todo, ata o momento non se observou ningún avance significativo neste sentido”.
Luciano Otero tivo unha reunión cos membros da Plataforma pola mellora da EP2702. Os representantes veciñas solicitaran unha reunión pola crecente preocupación da comunidade ante a falta de novidades sobre o comezo dos traballos e o perigo que supón a combinación de pésimo estado da vía e elevado tráfico de vehículos pesados. Consideran imprescindible recibir información de por que non comezaron as obras do primeiro tramo, que se ía licitar a finais do pasado verán.
O Concello de Pazos fai un chamamento á prudencia para todos os usuarios da estrada EP2702, incluíndo condutores, peóns e deportistas, debido ao perigo que presenta actualmente. E insta á Deputación de Pontevedra a priorizar esta infraestrutura e garantir a seguridade dos cidadáns que a utilizan.