A utilización das antigas cabinas telefónicas reconvertidas dende hai uns meses en pequenas bibliotecas está a ser todo un éxito. Así o afirma a alcaldesa, Digna Rivas quen asegura que a iniciativa de Normalización Lingüística está a ter moi boa acollida entre veciñanza e visitantes o que se traduce en que o número de exemplares de libros a disposición da cidadanía se teña multiplicado grazas as doazóns dos usuarios.
Esta proposta, pioneira na provincia de Pontevedra malia que xa está a funcionar noutras cidades europeas, pretende aproveitar o mobiliario en espazos públicos para convertelos en espazos culturais abertos. O sistema é sinxelo: quen o desexa pode coller un dos libros alí expostos, levalos para a casa e devolvelo unha vez que o lea. Tamén “se aceptan doazóns” é dicir, que a veciñanza pode colaborar deixando nese espazo aqueles libros que queiran compartir con outras persoas lectoras.
A iniciativa, que arrancou en marzo do ano pasado, funciona en tres cabinas no centro da vila: na Fonte de Santiago, na Praza da Constitución e nas Praza de Ponteareas así como na Avenida de Redondela en Chapela.
Nestes meses o número de libro en préstamo multiplicouse grazas ás doazón da cidadanía con todo tipo de xéneros: novelas, contos infantís, literatura xuvenil ou libros de historia, entre outros, ademais de exemplares que o Concello edita sobre Redondela. Un feito que a alcaldesa salienta como exemplo do “bo uso que tanto visitantes como peregrinos están a facer destes espazos culturais cumpríndose así “co obxectivo de promoción da lectura, e concretamente da lectura en lingua galega”.
Digna Rivas amósase especialmente satisfeita coa responsabilidade demostrada pola veciñanza “xa que todas as cabinas están en perfecto estado despois dun ano, e con moitos máis libros que cos que comezaron a funcionar”.
Como anécdota conta o caso dun peregrino, veciño de Madrid, que ao seu paso por Redondela de camiño a Compostela colleu dous libros nunha das cabinas. Semanas máis tarde enviou por correo ao Concello desde Madrid un paquete cos dous libros, máis un terceiro da súa propiedade que quixo doar para as cabinas pedindo desculpas por ter levado os libros que esquecera na mochila.
As cabinas están decoradas con diferentes paneis nos que se explica o seu uso e se inclúen información sobre a historia do teléfono e curiosidades sobre a centraliña telefónica existente en Redondela, no edificio Royalty, na metade do século pasado.