Os nacionalistas esixen que se inclúan nos orzamentos do goberno galego para este 2024 partidas que permitan acometer a humanización da avenida de Mendiño, o peirao de Cesantes, a escola Infantil de Chapela, vivenda de promoción pública así como unhas pistas atletismo. Cualifican de “dececionantes” as contas presentadas polo goberno galego.
O BNG amosa a súa indignación ante uns orzamentos que “non recollen partidas clave para Redondela no eido económico, educativo, promoción vivenda pública, medioambiental ou humanizacións” e critican que malia teren presentado diversas emendas ás contas do goberno de Rueda “volveron a atoparse con non do Partido Popular”.
Valoran en 5`8 millóns de euros a partida total que precisaría o concello para afrontar inversións imprescindibles como poida ser a reforma do peirao de Cesantes “que busca desatascar proxectos fundamentais para a sectores como a pesca tradicional e o marisqueo”.
Formularon tamén ao goberno galego a necesidade de orzamento para a Escola Infantil de Chapela “e novamente a resposta foi non” do mesmo xeito que a necesidade dunha partida para realizar os patios cubertos dos colexios de Redondela ou a construción dunha verdadeira biblioteca pública acorde coas demandas e necesidades redondeláns.
En canto á humanización da Avenida de Mendiño “o goberno da Xunta continúa a negar a recuperación dunha zona dotada de equipamentos deportivos, sanitarios e sociais, que permitiría un acceso amable e a mellora na seguridade viaria da veciñanza de Catapeixe”.
En canto a necesidade de promover o acceso á vivenda para aquelas economías que máis duramente están sufrindo as políticas económicas “a Xunta fixo oídos xordos as nosas peticións de crear unha partida dun millón de euros para fomentar a vivenda de promoción pública”.
A dotación de persoal nos centros de saúde, unha partida de cincocentos mil euros para pistas de atletismo ou fondos para saneamento, tamén foron rexeitados polo “goberno galego”.