Os de Chapela continúan líderes en Primeira Nacional logo dunha apertada vitoria ante o Cisne. Na vindeira semana desprázanse a terras asturianas, onde xogarán co Xixón.
Un gol de Chema Cid no último segundo do encontro deixou a vitoria en Chapela onde o Canario Cathering se enfrontou o pasado venres ante o Cisne. Partido que rematou co apertado resultado de 34-33 que permite ao Canario continuar líder en Primeira nacional.
Un partido adiantado que contou con boa entrada no pavillón de Chapela e que foi o único encontro con presenza local disputado na fin de semana, xa que os outros dous partidos previstos nos que tanto o Chapela como a Sar se debían enfrontar ao OAR Coruña, tiveron que ser suspendidos debido á folga indefinida que protagonizan os traballadores das instalacións deportivas e que impediron abrir o pavillón coruñés.
Si se puido disputar o partido do venres onde o Canario a piques estivo de deixar escapar o encontro debido a unha gran cantidade de erros cometidos na segunda parte do encontro. Nos primeiros minutos os de Chapela mostráronse superiores ao Cisne chegando ao descanso cun resultado favorable de 17 tantos a 12. Con todos, esta notable vantaxe foi esmorecendo no segundo tempo ata chegar ao final cun empate a 33 tantos no marcador que foi superado polos de Teixeira grazas a un tanto no último segundo de Chema Cid.
O Canario continúa líder e deberá defender esta posición na vindeira semana nun encontro contra o Xixón que se xogará en terras asturianas.
Pola súa banda a Sar xogará na bomboneira nun partido que se prevé moi igualado, xa que se enfronta ao Puerto de La Cruz, dous equipos empatados a 16 puntos.