Foto: Patri Rivas
Vitoria na división de Honra prata feminina e na Primeira autonómica para os equipos da SAR que lograron imporse aos seus rivais, o Meaño e o Atlético Novás respectivamente. Peor lle van as cousas ao equipo de Primeira autonómica de Chapela que non foi quen de superar a un dos equipos fortes da categoría, o Grove Rasoeiro.
División de Honra Prata Feminina
Sar Rodavigo 33-20 Meaño
As mozas de Vero Posada recibiron na bomboneira a un dos equipos galegos da categoría ao tempo que rival directo na táboa clasificatoria, o Asmubal Meaño. Dende o inicio as mozas da Sar lograron unha vantaxe importante sobre as visitantes chegándose ao descanso cun 17-11 no marcador.
Na segunda metade as locais continuaron cun bo traballo ofensivo e lograron ampliar aínda máis a distancia cun resultado final de 33-20.
A SAR sitúase na oitava posición e xogan na vindeira semana no campo do Porriño. Derbi comarcal cun equipo moi necesitado de puntos, xa que se atopan terceiros pola cola
Primeira autonómica
Atlético Novás 24-28 Sar Plastic Omnium
Importante vitoria para a Sar que se impuxo ao Atlético Novás e que preparan xa unha cita contra un rival directo o Rasoeiro. Empatados a puntos, ambos os dous equipos xóganse o segundo posto da categoría.
Arranca o ano con forza a Sar Rodavigo cunha vitoria ante o Atlético Novás. Os do Rosal comezaron ben e foron mandando no marcador durante o primeiro tempo pero con pouca diferenza cos de Redondela chegándose ao descanso cun apertado 15-14.
No inicio da segunda parte a Sar logrou igualar o encontro e colocar unha renda de 4 tantos que mantivo ata o final do partido, axudado por unha sólida portaría e chegando ao remate co definitivo 24-28. Con esta vitoria remata a SAR a primeira volta situados na segunda posición e empatados a 19 puntos co Rasoeiro, rival dos de Redondela na vindeira semana e a tan só un punto de diferenza co líder, o Poio Artai.
O Grove Rasoeiro 33-20 Balonmán Chapela
Peor sorte correron os xogadores do Balonmán Chapela. Tamén na primeira autonómica esta fin de semana caían na súa visita ao Grove. Nunha complicada situación –son terceiros pola cola- na vindeira semana volven xogar fóra da casa, farano en Vigo, no campo do Lavadores, sextos do grupo.