A senadora do BNG, Carme Da Silva, presentou no Senado unha moción e unha pregunta parlamentar na que demanda a Adif que proceda a desafectar de uso ferroviario a vía entre Arcade e Pontevedra para destinala a Vía Verde. A iniciativa busca crear un percorrido amable de 15 quilómetros que no caso de unila co tramo Redondela-Vigo, convertiría esta senda nun atractivo turístico de interese para os municipios polos que pasa.
A senadora explicou estas iniciativas en Arcade xunto ao alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, nun acto que tivo lugar no edificio Multiusos e ao que acudiron case 80 persoas. A demanda da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra é unha petición veciñal histórica que precisa da disposición de Adif para desafectar de uso ferroviario este tramo da antiga vía de tren que está en desuso e en estado de abandono desde hai tempo. De feito, a infraestrutura está cuberta de maleza e a súa conversión suporía unha mellor calidade de vida xa que segundo explican dende o BNG “as vías verdes incentivan formas de vida saudábeis e o deporte, dinamizan áreas do rural e promoven o comercio local e a hostalaría”. Poñen como exemplo a Vía Verde do Salnés que empezou unindo os concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas. Logo sumáronse os concellos de Barro e Pontevedra chegando a 24 quilómetros. Para Da Silva “estender a Vía, posibilitando a conexión desde Pontevedra ate Arcade con 15 quilómetros máis de percorrido e unila co tramo Redondela-Vigo, convertiría esta senda nun atractivo turístico de interese para os municipios polos que pasa e subliña que “non existe ningún motivo para que o Ministerio non permita desbloquear unha infraestrutura que non se utiliza e facer o mesmo que se fixo noutras zonas”. Ademais, engade, non implica un investimento significativo, “só precisa de vontade política”. Trátase dun “proxecto que repercute no ben común, beneficia á veciñanza e aporta elementos positivos”.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “a habilitación dunha Vía Verde é unha demanda histórica do BNG de Soutomaior e da veciñanza do noso concello. Levamos anos a traballar para esixir ao Goberno do Estado que leve a cabo os trámites necesarios para que Adif desafecte o treito de vía necesario para a habilitación da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra. É unha infraestrutura necesaria para a veciñanza e o no goberno de Soutomaior imos seguir a traballar para que se converta nunha realidade”.