A Concelleira de Medio ambiente, Pilar Martínez asegura que o seu departamenoe mantén a alerta malia que considera “pouco probable que a marea de pellets chegue aos areais de Redondela”. Concello e confraría fretarán autobuses para a manifestación que se celebra este domingo en Santiago baixo o lema “En defensa do noso mar” convocada por diferentes colectivos en protesta pola xestión que desta crise medioambiental está a facer a Xunta de Galicia.
A edil de medio ambiente Pilar Martínez asegura que dende que chegaron os primeiros avisos dos vertidos de pellets procedentes dos contedores do mercante Toconao incrementouse a atención nos areais do Concello “para actuar de xeito inmediato no caso de apareceren estes granulados”. Con todo, polo de agora non se detectaron no noso litoral “houbo un aviso dun cidadán esta fin de semana, pero finalmente confirmamos que o atopado non eran granulados procedentes do vertido”.
Martínez engade que coa situación actual e o comportamento das mareas “parece pouco probable que estes pellets acaben entrando na Enseada”.
Por outra banda, a Confraría de pescadores San Xoán e a Plataforma pola defensa da Enseada de San Simón en colaboración con ArteLixo fretarán este domingo un autobús a disposición daqueles que queiran achegarse a manifestación que baixo o lema “En defensa do noso mar” está convocada por diferentes colectivos en protesta pola xestión que desta crise medioambiental está a facer a Xunta de Galicia.
As persoas interesadas en empregar este autobús, que sairá ás 10:00 horas da mañá dende a praza de Ribadavia e regresará ao finalizar a protesta que terá lugar ao mediodía en Santiago, deben inscribirse premendo aquí.
Tamén dende o Concello participan desta iniciativia. neste caso os interesados poden reservar praza no teléfono 986 400300.
.