As agrupacións que queiran participar nesta cita teñen de prazo para se inscribir no rexistro xeral do Concello ata o 2 de febreiro. O goberno local destina ao desfile de Comparsas un total de 10.500 euros que serán distribuídos tanto en premios como en axudas a aquelas agrupacións que acompañen o Entroido nos actos programados para o domingo 11 de febreiro. As comparsas que queiran participar no Enterro do Berete que se celebrará o 17 de febreiro, deben inscribirse antes do día 9.
As axudas outorgaranse en función dos integrantes de cada comparsa e os premios repartiranse en diferentes categorías: mellor comparsa, mocidade, retranca e inclusión e diversidade.
Haberá premios tamén para os grupos, parellas e disfraces individuais que participen o martes 13 de febreiro nun desfile que terá lugar na rúa diante dos soportais do Concello.
En todos os casos, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seus vestiarios coma na súa actuación. As carrozas deberán ter unha altura máxima de 4,50 metros e un ancho máximo de 3,50 metros.
O número máximo de comparsas que participarán no desfile e que poderán recibir os premios virá determinado polo número de participantes no desfile e pola dispoñibilidade do espazo existente para este, e elixiranse por rigorosa orde de solicitude de inscrición no Rexistro xeral.
As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición no rexistro do concello antes do 2 de febreiro tal e como se recolle nas bases que se poden consultar na súa páxina web.
Enterro do Berete en Chapela
A cita en Chapela será o sábado 17 de febreiro e o prazo de presentación será ata o 9 de febreiro. O Concello destina un orzamento de 3.000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.