Promover a participación dos redondeláns en accións solidarias e apoiar aos colectivos e persoas que se atopen nunha situación de desvantaxe social é o principal obxectivo desta iniciativa. Para participar tan só e preciso tempo, ganas e ser maior de idade ademais de anotarse previamente nas oficinas que a Concellería de Servizos Sociais ten na rúa Isidoro Queimaliños.
Apoio á infancia, acompañamento a persoas de idade, apoio social a persoas sen recursos, actividades lúdicas e de animación son algunhas das actividades que se desenvolverán neste Voluntariado Social que vén de por en marcha a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade. Un programa que conta coa colaboración da agrupación local de protección civil e cuxas actividades serán organizadas todas elas polo departamento que dirixe a nacionalista Rosa Costas.
Esta iniciativa solidaria pretende converterse nun punto de referencia para todos aqueles que queiran ofrecer o seu tempo a prol da comunidade, así como favorecer a participación social ao mesmo tempo que se proporciona un espazo de axuda aos máis necesitados.
As persoas maiores de idade que queiran participar deberán inscribirse previamente nas dependencias da rúa Isidoro Queimaliños número dous, en horario de 9 a 14 horas, ou chamando ao número de teléfono 986 402608.