O Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse onte co sector na Confraría de Redondela para presentar as axudas aprobadas pola Xunta. Criticou que mes e medio despois de ter solicitado ao Goberno do Estado a declaración de zona catastrófica para os bancos marisqueiros afectados pola alta mortaldade dos bivalvos pola baixa salinidade resultado das fortes chuvias do outono “segue sen haber resposta”.
Así o declarou o titular de Mar na visita á confraría de Redondela onde, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Manuel Rosas, mantivo unha xuntanza cos responsables do pósito e profesionais do marisqueo para explicar tanto os detalles das achegas directas e extraordinarias aprobadas no último Consello da Xunta como as liñas xerais do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, un conxunto de actuacións que está aberto ás contribucións das xentes do mar.
Prevese inicialmente que esta estratexia mobilice un total de 123 millóns de euros con actuacións a curto e medio prazo. As máis inmediatas, dotadas con 15 millóns de euros, inclúen 4 millóns de euros que se abonarán de forma extraordinaria e directa este febreiro a máis de 7.000 profesionais de marisqueo a pé e a frote, aos que se sumarán tamén uns 400.000 euros para contribuír a sustentabilidade das organizacións representativas do sector. Os restantes fondos, máis de 10 millóns de euros, virán con cargo ao Fempa para afrontar as paradas temporais.
En canto as actuacións no curto prazo comezarán pola recuperación dos bancos danados ao tempo que se reforza a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar), onde se están a estudar xa as causas da caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías. Serán 4,2 millóns a mobilizar xa neste primeiro semestre.
No medio prazo (segundo semestre deste ano e 2025) dedicaranse algo máis de 104 millóns de euros para contribuír á sostibilidade do marisqueo, focalizando o esforzo en continuar coa rexeneración de áreas marisqueiras e a xeración de novas zonas de traballo, así como o apoio técnico-biolóxico ás confrarías e entidades representativas do sector e para a vixilancia dos bancos, reforzando tamén o labor do Intecmar e das redes de control.