As persoas participantes, veciños e veciñas de Redondela en situación de desemprego, recibirán ao longo dun ano clases teóricas e prácticas. O programa ten como obxectivo acadar o 45% de inserción laboral dos alumnos-traballadores.
Os participantes recibirán orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións. A formación práctica está tamén moi presente, con prácticas profesionais non laborais en empresas. Ademais os demandantes de emprego participantes reciben ofertas de traballo emparelladas co seu perfil.
O perfil dos participantes é moi variado, xa que se cobren prazas reservadas especialmente para parados con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, menores de 30 anos con ou sen cualificación, maiores de 45 anos, mulleres ou parados de longa duración, pero tamén para persoas desempregadas que non están incluídas en ningún dos grupos anteriores.
O programa está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal e co cofinanciamento do Concello de Redondela.
A alcaldesa, Digna Rivas, deulles a benvida nun acto celebrado no Multiúsos no que estaba presene o concelleiro de Emprego Antonio Cabaleiro e as orientadoras Ana Concheiro e Mónica Reinaldo e felicitounos por formar parte deste programa “porque todos e todas tedes un gran potencial e co voso esforzo e a formación que ides recibir será posible acadar o obxectivo de atopar un emprego”. Rivas recoñeceu que “non será doado”, pero amosouse convencida que “con gañas e esforzo será posible”.