Nesta nova entrega da sección ‘Outro mundo é posible’ conversamos coa Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, para falar das últimas reunións feitas no marco das mobilizacións do sector primario en toda Europa e que chegarán tamén a Galicia.
‘Unidade de acción’ é a idea que resume o acordo alcanzado por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas que decidiron programar un calendario de mobilizacións que levarán a cabo tras as eleccións autonómicas do 18 de febreiro para defender os intereses e dereitos do sector produtor.
A continuación detállanse os puntos incluídos no DECÁLOGO DE REIVINDICACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS AGRARIAS GALEGAS
1. PREZOS XUSTOS PARA OS NOSOS PRODUTOS. Eliminación da especulación, e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores , incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e produtores, e mecanismos para facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.
2. Rexeitamento os tratados de libre comercio (mercosur), que poñan en perigo as nosas producións, e priorizar as nosas producións fronte a terceiros países que comercializan ca UE.
3. Eliminar a burocratización que nos asfixia:
- Caderno dixital.
- Decreto de ordenación de explotacións bovinas.
- Decreto de fertilización sotible de solos.
4. Adaptación dos ecoesquemas e da pac á realidade da agricultura e gandeiría galegas, pagos en función das persoas activas e non pola superficie.
5. Importes suficientes para atender todas as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación
6. Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección. e apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles . maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector, para unha maior sostenibilidade nas explotacións.
7. Fomentar o acceso da poboación a alimentos saudables mediante a potenciación e o apoio aos mercados locais, os circuitos curtos e a compra pública de alimentos ecolóxicos e de proximidade.
8. Mantemento da redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.
9. Remuneración dos danos de fauna salvaxe (xabarín, lobo…), e do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben ser minimizadas.
10. Creación da figura do mediador na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de precios nos productos agrogandeiros.