As empresas interesadas en acceder a este contrato que a alcaldesa cualifica de “histórico” deberán realizar dúas limpezas anuais – unha en primavera e outra en outono- nas trece parroquias do Concello. O contrato terá unha vixencia de dous anos e licítase por un importe de case un millón de euros que podería prorrogarse dous anos máis ata un importe máximo que se achega aos dous millóns de euros para os catro anos. As empresas interesadas poden presentarse ao concurso ata o 4 de marzo.
O goberno local explica que por primeira vez os traballos de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase entres os meses de abril e xuño, aproximadamente, e unha segunda roza entre setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de 989.268 euros e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos.
Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria serán todos os necesarios para deixar os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos. A roza e a limpeza incluirá a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros, que deberán quedar no seu estado orixinal. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, e limparanse os caños ou sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza deberán ser retirados.
Este novo contrato inclúe a recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental. O cumprimento destas normas supón tamén que a empresa non poderá realizar ningún tratamento con produtos fitosanitarios. No caso de especies invasoras a empresa debe cumprir co plan de erradicación establecido pola administración.
Contratación de 10 persoas desempregadas
A maiores o Concello “ampliará a contratación de persoas desempregadas para traballos de limpeza e mantemento”. Rivas explica que se aumenta ata 10 o número de operarios cos que contará Redondela a través do Plan +Provincia (antes Plan Concellos) “para servizos que se centrarán na limpeza das parroquias”. Deste xeito tamén se contribúe desde a administración local a dar traballo a veciñas e veciños en situación de desemprego.