Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Rubiales condenado a arder na fogueira no Martes de Entroido

meco

O Concello de Redondela mantén as actividades previstas para o día de hoxe malia a chuvia que nos acompaña dende primeira hora da mañá. Unha programación que inclúe o concurso de disfraces ás cinco da tarde e a queima do meco a partir das 19:00 horas. Un martes de Entroido que se vive de xeito intenso na vila coas tradicionais comidas de carnaval.

Está previsto que a última hora da mañá as persoas disfrazadas vaian tomando as rúas da vila nunha das citas festivas máis participativas do ano no noso concello. Pendentes dun ceo gris que ameaza chuvia e que dende primeira hora da mañá está a deixar precipitacións en forma de poalla, non se prevén cambios na programación organizada polo Concello.

Os actos arrancarán ás 17.00 horas co Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo no que poden participar todas aquelas persoas que se inscriban a partir das 16:00 horas nos soportais do Concello. Haberá tamén obradoiros na Alameda Castelao e animación nas rúas da man da Batucada Brassica Rapa, unha brass bands feminina cun espectáculo moi variado con grandes éxitos do pop, a música tradicional galega, o jazz ou bandas sonoras de películas. Ás 19.00 horas, tras a entrega de premios do concurso de disfraces, celebrarase a queima do Meco co espectáculo “Lume” de Troula Animación.

Un meco que nesta ocasión é unha crítica ao machismo no deporte e que se personaliza na figura do que fora presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, quen se viu obrigado a dimitir tras bicar á xogadora Jennifer Hermoso sen o seu consentimento. Unha figura asentada sobre unha tarima na que se pode ver a lenda “non é non” e que será pasto das lapas nun espectáculo de lume e pirotécnica na tarde de hoxe.

A festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música da discoteca móbil da Duendeneta na rúa Alfonso XII.

Peche tráfico

Por mor destas celebración dende a Policía Local lembran que se pechará o tráfico no centro urbano dende a Praza de Ribadavia a partir das 16:00 horas. Un peche que afectará ás rúas Alfonso XII, Rúa Ribeira e Rúa Xeneral Rubín. Durante a queima do meco tamén se vai a desviar o tráfico de vehículos na Avenida Ernestina Otero, a cal permanecerá pechada ata a finalización da queima.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará