Os biólogos recomendan que a semente sexa de maior tamaño “para garantir a súa supervivencia”, logo de detectarse nos últimos tempos unha alta mortandade de ameixa produto de diferentes causas, entre elas a elevada temperatura da auga e o descenso da salinidade polas precipitacións do inverno. Para facer fronte a este problema así como aos danos que nos bancos marisqueiros causan as ouxas e os arroaces, peixes devoradores de bivalvos, o goberno local ven de concederlles unha axuda de 15.000 euros.
O alcalde Manu Lourenzo, reuniuse co patrón maior da Confraría de Arcade, Gonzalo Reinoso, para outorgar unha axuda que a Confraría destinará á compra da ameixa. A entidade presentou un informe do biólogo da mesma no que recomendan que se sementen con ameixa de maior tamaño do que se viña facendo ata o de agora. Con esta iniciativa preténdese rexenerar os bancos marisqueiros e garantir unha maior produtividade do fondo da Ría de Vigo que contribúa na calidade de vida e nos ingresos dos mariñeiros e mariscadoras.
Lourenzo explicou que “con esta iniciativa queremos amosar o noso compromiso co sector do mar que está a padecer unha situación moi difícil nos últimos tempos”. Sinalou tamén a importancia de que “Soutomaior conte canto antes cunha nova depuradora que permita resolver o problema desta instalación” que provoca desbordamentos de augas sen depurar á ría e lembrou que “a Xunta ten paralizada esta EDAR dende hai máis de 10 anos mentres o sector do mar está a padecer as consecuencias”.
O mar é un sector produtivo estratéxico para o concello de Soutomaior, “estamos falando de bancos marisqueiros que están no ámbito da Rede Natura da Enseada de San Simón e isto constitúe un tesouro que dende o goberno de Soutomaior imos a coidar e a recuperar” finalizou Manu Lourenzo.