Pasou o Mércores de Cinza pero ao Entroido aínda lle queda moito que dicir en Redondela. A festa continuará este sábado en Chapela e o domingo 25 os disfraces e a troula regresarán as rúas da vila co desfile de comparsas adiado por mor do mal tempo.
As comparsas participantes no Enterro do Berete concentraranse no Alto da encarnación ao redor das 17:00 horas de mañá sábado. Acompañada da música dos percusionistas e tamborileiros Aperta a comitiva partirá ao redor das seis ata a praia de Arealonga onde está prevista a queima do berete sobre as 20:15. A continuación haberá tamén animación musical no paseo marítimo da parroquia. Unha discoteca móbil será a encargada de animar aos asistentes con festa e música ata a medianoite.
Desfile comparsas
Un entroido que continuará o día 25 deste mes. Será co desfile de comparsas adiado do pasado domingo ante as previsións de mal tempo. O último domingo de mes as actividades arrancarán ás 17.00 horas coa concentración das comparsas no Campo da Feira. A animación musical comezará ás 17.30 da man de Latexo Percusión e ás 18.00 fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila coa entrega de premios prevista para as 20.30 horas.