Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O politólogo redondelán Luís Cuntín analiza os resultados electorais do 18F

luís cuntín

Investigador social e experto en análise electoral e política pasa polos micrófonos da Radio Municipal de Redondela para facer unha lectura dos resultados electorais do pasado domingo a nivel galego pero tamén local.

Situación en Redondela: Os resultados en Redondela e Vigo deixan a un BNG como primeira forza e relegan ao PSOE a terceira posición. Para Luís Cuntín isto demostra que hai votantes estruturais do PSOE que esta vez non se mobilizaron, porque en ambos os dous concellos gobernan precisamente os socialistas. O motivo do descenso de apoios apunta a que “podería ser o feito de que o partido a nivel local en ambas localidades estea fragmentado e enfrontado a determinadas dinámicas internas que non lle favorecen”.

No caso do BNG explica “terán que facer a súa lectura de porque a capacidade de ilusionar do Bloque nun proxecto transmitido por Ana Pontón ten moita máis forza que o transmitido polos seus líderes a nivel local”.

En todo caso, Redondela amósase como un concello predominantemente de esquerdas pero cun PP que ten unha presenza indiscutible, sobre todo nalgunhas parroquias.

A nivel global apunta que a maioría absoluta do PP era perfectamente previsible así como a posibilidade de que Democracia Ourensá entrara no parlamento, como finalmente aconteceu ao acadar un representante o partido de Jácome. Maior sorpresa para Cuntín é a caída do PSOE, máis do que se podía prever,así como tamén un incremento máis notable do previsto por parte do BNG.

Éxito do PP: O partido cae ao pasar de 42 a 40 parlamentarios, pero o seu éxito é evidente ao manter o goberno cunha clara maioría absoluta. A fortaleza en Galicia do PP, explica Cuntín, débese en gran parte a súa desideoloxización e ao feito de apelar un certo “sentido común”, sabendo vender ao seu partido e aos seus candidatos como grandes xestores. Logo dos resultados do domingo “Rueda acaba de subir exponencialmente o seu capital político”.

Éxito do BNG: Nos últimos anos logra remontar de tan só 6 escanos aos 25 deputados acadados o pasado domingo grazas a un traballo paulatino e constante. Iso responde, explica Luís, a fidelidade a un proxecto, ao cultivo intelixente do propio capital político, a capacidade de combinar nunha comunicación eficaz unha vocación de transversalidade social que é quen de captar sectores das clases medias e, non menos importante, contar cunha figura líder, consolidada e detrás da cal a formación está perfectamente aliñada como é Ana Pontón.

Fracaso do PSdeG: Cuntín subliña que malia contar cunha figura con capital político como é Besteiro, os erros dos socialistas radican en presentar un candidato posto ás présas e que chega a Galicia con pouco tempo e cunha mensaxe pouco clara, algo que é xa unha norma do PSOE en Galicia. Pensa que tamén o castigou o electorado por xogar ao plebiscitario deixando Galicia fora de foco, carecendo dunha axenda clara para os galegos e galegas.

Escoitar a entrevista enteira:

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará