O edil de urbanismo entende que a falta de concreción no documento urbanístico da Xunta impide saber con exactitude qué límites se establecen para a construcción tanto na franxa do litoral como nos corredores de protección dos ríos
Farragoso e difícil de entender, eses son os adxectivos cos que o Concelleiro de urbanismo, Emilio González Iglesias define o Plan de Ordenación do Litoral (POL) que actualmente está en fase de estudo por parte dos concellos. De feito, a súa complexidade levou xa á Consellería de Medio Ambiente a anunciar que os concellos disporán dun mes máis de prazo para estudar o documento e formular suxestións. Asegura o titular do departamento de urbanismo que o POL remitido pola Xunta está cheo de confusións e que a súa lectura está suxeita a diferentes interpretacións o que pode conlevar innumerables problemas na súa aplicación. Entre as indefinicións existentes pon como exemplo os corredores de protección dos ríos, onde non se concreta a franxa afectada, e se igualan os tramos urbanos e rústicos das canles fluviais “o que podería supor que os edificios construídos no centro da vila nas marxes do Alvedosa quedasen fora da ordenación”. González Iglesias destaca como especialmente confusos o tratamento que se lle da á franxa do litoral onde non se establecen límites nin se recolle a existencia de núcleos urbanos históricos como o de Rande. Dende o Concello prevén remitir alegacións ao documento nas que demandarán á Xunta que se recollan especificidades do noso territorio, como o caso non só de Rande, senón tamén Soutoxuste e Cesantes, onde se demandará que os límites á construcción estean determinados por barreiras físicas tales como a estrada nacional ou a vía do tren “para non impedir o crecemento deses núcleos”.