A cita gastronómica regresa a Pazos de Borbén este domingo cun recinto pechado para evitar as inclemencias meteorolóxicas. A cacheira servirase como manda a tradición: acompañada de chourizo, patacas e grelos, pan e unha taza de viño a un prezo de 12 euros a ración. O pregón terá lugar ás 13:00 horas e correrá a cargo de Eva Iglesias do programa Land Rober. Haberá tamén a opción de degustar churrasco e os máis pequenos contará con colchonetas.
O Concello de Pazos de Borbén celebra este domingo a XXIII Festa da Cacheira, a cita gastronómica máis popular do municipio e unha das festas culinarias máis consolidadas do inverno en toda a provincia.
As celebración desenvolveranse no pavillón municipal de deportes e o programa arrancará coa actuación da charanga Radio Tropical e o desfile da comparsa de entroido “Vaiben” dos veciños da parroquia de Cepeda. Ás 13 horas terá lugar o tradicional pregón, que este ano correrá a cargo de Eva Iglesias do televisivo programa Land Rober.
O xantar estará amenizado polo grupo Tic Tac. Para completar o ambiente familiar da celebración tamén se habilitará unha zona infantil con atraccións inchables. Como en anteriores edicións, o prato poderase degustar no recinto da festa ou levarlo para consumir en casa. O prato completo ten un custo de 12 euros e tamén se ofrecerán racións de churrasco.
Como inicio dos festexos da Cacheira, o Concello celebra o sábado pola tarde a quinta edición da Xuntanza do Pensionista. Unha tarde dedicada aos maiores da casa e os xogos familiares tradicionais como a brisca, o tute e o domino. As primeiras partidas comezarán a partir do cinco da tarde.