Exposicións, teatro, ciclos formativos, xornadas de saúde feminina, roteiros para escolares e concertos son algunhas das actividades que programa o concello de Redondela co gallo da conmemoración do 8M e que se vai desenvolver durante os meses de marzo e abril baixo o lema “Enredadas pola Igualdade”.
A primeira das actividades será o propio día 8 ás 12.00 horas, mulleres e nenas de diferentes centros, colectivos e asociacións participarán nun acto oficial coa lectura do pregón e a colocación dunhas “redes pola igualdade” que foron decoradas con diferentes elementos relacionados co 8M, destacando o papel da muller na sociedade e a importancia da igualdade real entre homes e mulleres. Os usuarios e usuarias de Lenda encargaranse de unir todas esas pezas nun gran tapiz que será protagonista do acto institucional que se celebre na praza do Concello o Día Internacional da Muller.
A programación do 8M continuará o sábado día 9 ás 20 horas no Multiúsos da Xunqueira coa obra de teatro Revolta, da compañía Juanito e Filomena, cunha reinterpretación feminista da Historia en clave de humor a cargo das actrices Arantxa Treus e Rocío Romero. O mesmo día, no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, celebrarse un concerto a cargo da Banda de Música de Chapela. Será ás 20.30 horas con entrada de balde.
Os domingos 10, 17 e 24 de marzo haberá concertos na praza da Constitución con diferentes artistas. O primeiro será o de Su Garrido, o do día 17 correrá a cargo do grupo Noite, e o último será o de Zousaxmas. Nos tres casos as actuacións serán ás 12.00 horas.
A programación continuará o xoves día 14 de marzo na Biblioteca Municipal Xela Arias, en Chapela, co contacontos “”Vamos ao recreo”, de Trémola Teatro.
Ciclo Saúde Feminina
Desde o 9 de marzo e ata o 13 de abril celebraranse na oficina de Turismo diferentes charlas e obradoiros sobre saúde física e mental, sexualidade e nutrición, entre outras cuestións. Especialistas en diferentes ámbitos (doutoras, nutricionistas, enfermeiras, fisioterapeutas, educadoras sociais, expertas en saúde sexual, etc) falarán sobre o corpo desde unha perspectiva de xénero e abordarán cuestións como a menstruación e a menopausa, a alimentación, a sexualidade e o autocoñecemento, o coidado emocional, etc. As inscricións poden realizarse unha semana antes de cada actividade no enderezo electrónico multiusosredondela@gmail.com ou por teléfono 986 40 28 65.