Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Plan Local de Saúde comunitaria bota a andar ofrecendo formación en primeiros auxilios

curso-primeros-auxilios

A iniciativa está enmarcada nun proxecto de colaboración entre o Concello e o Centro de Saúde de Redondela co obxecto de traballar conxuntamente en accións que redunden nunha mellor calidade de vida para a veciñanza. A formación en primeiros auxilios nos centros de ensino e nos clubs deportivos, a posta en marcha de roteiros biosaudables ou a formación no coidado de persoas dependentes son algunhas das actividades que está previsto desenvolver dentro deste programa.

As concelleiras de Sanidade, Pilar Martínez, e de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, xunto o concelleiro de Ensino e Deportes Iván Valles, mantiveron un encontro con diferentes responsables sanitarios do Centro de Saúde de Redondela. Á xuntanza de traballo asistiron Esther López, xefa de servizo do Centro de Saúde redondelán, Ramon Lagos, coordinador do Servizo de Enfermería do centro, o responsable do departamento de Nutrición, Jaime Juncal, a fisioterapeuta Noa Siñuela e as enfermeiras comunitarias do centro. O obxectivo deste encontro é o de traballar conxuntamente entre os Centro de Saúde de Redondela e o Concello de Redondela nun plan de saúde comunitaria algo que é posible, explica Martínez, “grazas a implicación dos e das profesionais do Centro de saúde”.

Pilar Martínez, concelleira de Sanidade

Na primeira xuntanza analizáronse as características e necesidades da poboación redondelá para concretar os programas que se van poñer en marcha e mellorar así “a atención integral dos pacientes”. A primeira actividade será a de formación en Primeiros Auxilios nos centros de ensino, clubs deportivos, centros culturais e parroquiais, e tamén para os participantes no Programa de Voluntariado.

Tamén se contempla a formación para familias que contan con persoas dependentes “para axudarlles na tarefa diaria tan importante que é a dos coidados, tanto para os doentes como para as persoas coidadoras”.

Outras actividades previstas son os roteiros biosaudables así como actividades para persoas con patoloxías crónicas que sirvan para mellorar a súa calidade de vida “o servizo de cardioloxía nos indica que condicións ten que ter un paseo para que poida considerarse cardiosaudable”.

Tamén se traballará coas escolas para mellorar a formación do profesorado en canto á atención ao alumnado con diversidade funcional.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará