O Concello realizou o desbroce do antigo Camiño de Pazos á Ermida. O obxectivo do goberno local é impulsar este Camiño de Taverneiro, unha antiga ruta que estaba intransitable. A limpeza deste antigo tramo que unía Pazos e A Ermida permitirá aos peregrinos evitar a estrada e transitar por un entorno seguro e en plena natureza.
Con esta actuación o Goberno busca potenciar o turismo local, rehabilitando sendeiros e antigos camiños que facilitarán a comunicación de veciños e veciñas, así como de todos os visitantes que poderán gozar do entorno natural transitando por vellos camiños cheos de historia.
O Camiño de Taverneiro, malia ser menos coñecido que o Camiño de Santiago, ten unha historia rica e significativa. O seu nome honra a Ignacio Taverneiro, un peregrino que faleceu na Estrada en 1784 durante o seu viaxe de volta desde Santiago. Esta ruta alternativa permitía aos peregrinos evitar impostos nos pontes e cidades do camiño principal dende Portugal.
O desbroce deste treito abandonado devolve á vida este camiño que en tempos pasados era vital para conectar A Ermida. Os defuntos desta parroquia facían este percorrido para seren enterrados en Pazos, por iso conta con varias cruces ao longo do seu percorrido. Tamén era utilizado durante as festas populares de agosto para trasladar os santos ata Pazos, onde permanecían ata o mes de marzo. Esta tradición, profundamente arraigada na comunidade, conectaba o sagrado co cotián e marcaba o ciclo da vida e a fe.