A empresa Idades SL será a encargada de xestionar o servizo logo de que así o aprobase por unanimidade a corporación municipal no pleno extraordinario celebrado na xornada de hoxe. O contrato establece a licitación do servizo de axuda no fogar (SAF) por un período inicial de dous anos, prorrogable por outro período dun ano, cun valor de contrato de 4.832.524,62 euros, sen IVE, calculado para todo o prazo de duración, incluída a posible prórroga. O orzamento máximo de licitación para os dous anos iniciais do contrato é de tres millóns de euros.
A empresa Idades S.L, segundo explican dende o goberno local ofrece varias melloras a este servizo, como o contrato a xornada completa dunha persoa psicóloga, unha persoa auxiliar administrativa, unha coordinadora e unha persoa terapeuta ocupacional. Con esta licitación remata un longo proceso de queixas, por parte das traballadoras e os usuarios e usuarias, así como desencontros entre o goberno e a anterior adxudicataria, a empresa Os Ventos.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o novo contrato supón un cuantioso incremento no prazo da hora pola prestación deste servizo. Neste caso ascende a 24,51 € con IVE para a modalidade de Dependencia e 23,17 € con IVE para a modalidade de Libre Concorrencia, fronte aos 17 euros actuais “o que supón un incremento de case o 43% e un esforzo económico dirixido a un dos colectivos máis vulnerables, o das persoas maiores e dependentes”. “Este prezo por hora supera a media dos demais Concellos de Galicia e quere ser unha garantía para a xestión óptima e de calidade do servizo” segundo explicou no pleno a concelleira de Servizos Sociais Iria Vilaboa quen engadiu que a prestación de axuda a domicilio é unha actuación “básica” dos servizos servizos sociais para as persoas en situación de dependencia e as súas familias, “que proporciona atencións e coidados de carácter persoal, doméstico, psicosocial, educativo e técnico, que se presta no propio domicilio do usuario na procura do seu benestar físico, social e psicolóxico, proporcionándolles a posibilidade de continuar na súa contorna habitual”.
Lembraba o edil de AER que a aprobación desta adxudicación era idispensable para rematar a situación irregular do servizo e poder así substituír a empresa anterior. Criticou tamén o “rendemento político que algúns partidos intentaron sacarlle a esta problemática” e insistiu en que se trata dun servizo que debería asumir a Xunta por tratarse dunha atención sanitaria.
O nacionalista Xoán Carlos González apuntaba que a adxudicación do servizo pemitirá que as traballadoras conten cunha condicións laborais xustas e que os usuarios e usuarias conten cun servizo imprescindible. En todo caso, criticou que o Concello teña que asumir o 50% do custe –as arcas municipais terán que asumir un millón e medio de euros anuais -cando debería estar sufragado na súa totalidade pola Xunta.
A popular Sandra Bastos criticou o “desgoberno do servizo baixo o mandato de Digna Rivas” e insistiu en que o contrato puido ser rescindido con anterioridade “para evitar a desfeita que fixo a empresa anterior”. En todo caso, os populares tamén apoiaron a nova contratación lamentando que este proceso se prolongase máis do necesario en detrimento dos usuarios.
No proceso para a contratación deste servizo elaborouse un informe e un prego de prescricións técnicas con achegas de todas as partes implicadas: traballadoras sociais municipais, sindicatos e agrupacións políticas.