O festival inclúe unha sección de curtas alternativas onde se proxectarán algúns dos traballos máis particulares presentados ao certame. A inauguración contará cos actores Fernando Morán e Xavier Deive
A animación galega cos traballos “Pintor de ceos” de Jorge Morais e “A nena que tiña unha soa orella” de Álvaro León, a curta de Pedro Casablanc e Gabriel Olivares “Burbuja” ou “The end” de Chapero Jackson son algúns dos traballos que se poderán ver no festival de curtametraxes Redondela en curto que se desenvolverá entre o 22 e o 25 de abril. En total, 16 traballos seleccionados de entre un total de 321 curtas recibidas e nas que se abordan todos os xéneros de ficción que se poderán ver en pases de catro curtas por sesión. A presentación do festival será o xoves 22 ás 20:30 horas, cunha mini actuación do grupo de hip hop Beatus Ille e a participación dos actores Fernando Morán e Xavier Deive, ambos os dous da serie Matalobos. Pero haberá ademais unha sección de curtas alternativas, un espacio no que se proxectarán aqueles traballos que pola súa singularidade non teñen cabida a nivel competición pero que merecen ser vistos Máis minutos A película Estigmas de Adán Aliaga será proxectada na sección Máis Minutos. Unha película que os seus propios creadores definen como “difícil”, xa que se trata dunha película de ficción, en branco e negro, sen case diálogos e cun actor protagonista non profesional, o lanzador de peso Manolo Martínez. Unha cinta que ven de ser recoñecida no festival de cine de Valladolid e na que se conta unha historia chea de crítica social que parte de Bruno, un home só, alcohólico e inadaptado que se esperta unha mañá con dous grandes feridas nas súas más que lembran ás que lle fixeron a Xesús Cristo.