O Concello retoma o proxecto de peonalización do antigo viaduto Madrid, unha idea que xurdira xa nos anos noventa da man do socialista Xaime Rei. A iniciativa nunca chegou a materializarse e formou parte tamén das promesas electorais dos populares durante o mandato de Javier Bas. Nestes días o goberno de Digna Rivas anuncia que está en negociacións coa dirección xeral de patrimonio para avanzar na creación dun paseo peonil e un miradoiro sobre o coñecido como viaduto vello.
Transformar a antiga estrutura ferroviaria, que nos últimos anos foi rehabilitada e posta en valor, é unha idea que cada certo tempo recuperan os goberno locais por entender que un paseo peonil que permita percorrer este viaduto sería un atractivo turístico de enorme valor.
Co obxecto de avanzar nesa idea, a alcaldesa, Digna Rivas e a concelleira de Cultura e Patrimonio, Rita Pérez mantiveron unha xuntanza co Director Xeral de Patrimonio do Estado, Juan Tejedor Carnero, e o subdirector do departamento, Bernardino Pérez Crespo. O seguinte paso será xestionar co Ministerio de Cultura a posibilidade de facer na superficie un miradoiro “que ofrecería unhas vistas espectaculares sobre a vila”.
A petición de Redondela, a Dirección Xeral de Patrimonio realizou xa un estudo de peritaxe sobre o estado do viaduto, para garantir a súa seguridade no caso de dotalo dun uso peonil. Unha actuación que, no caso de levarse a cabo “tería unha repercusión importantísima na nosa vila ao ser un foco máis de atracción turísitica” converténdose ademais “nunha vía de acceso segura para os peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa” que chegan a Redondela desde Vigo na ruta cara Compostela, evitando que os peregrinos crucen a estrada N-552, que rexistra un elevado volume de tráfico.