Cun orzamento de máis de 28.000 euros completarase así a cuberta do corredor do complexo deportivo municipal formado polo pavillón de deportes, os vestiarios, o ximnasio e a pista de pádel así como a clausura dos ocos na pista de pádel do recinto.
Parte do corredor está cuberto para permitir a comunicación entre os distintos servizos, especialmente nos días de choiva. Na actualidade a cubrición non chega a un dos accesos principais do pavillón, obrigando a pasar polos vestiarios para protexerse da choiva, polo que o investimento da Deputación permitirá corrixir esa carencia. Ademais, na pista de pádel existe un oco de 19 centímetros entre dous peches polo que é habitual que se coan pelotas, obrigando os usuarios a interromper o xogo para recuperalas subindo á cuberta do ximnasio cunha escaleira. Pecharase cunha malla de aceiro coa mesma forma e cor que a existente no peche da pista.
A achega aprobada pola Deputación forma parte dunha partida de máis de 100.000 euros para realizar melloras nas infraestruturas deportivas da Cañiza, Covelo e Fornelos de Montes.