Unha das integrantes do colectivo, Mª Jesús González asegura que o estado dos barrios da parroquia é lamentable, sobre todo no referente a rúas e camiños con obras sen sinalizar, estradas sen beirarrúas, fochancas en todos os viais ou falta de iluminación. Instan á veciñanza a acudir ao pleno que se celebra esta tarde ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira e no que terán a oportunidade de trasladar á corporación as súas demandas.
Aseguran que a idea de unirse xurdiu nun evento deportivo “coincidimos veciños e veciñas de diferentes barrios e decatámonos de que en todas as zonas as demandas eran moi semellantes e que, malia ter trasladado esas reclamacións ao goberno local en varias ocasións –tanto de palabra como por rexistro- seguíamos sen ter unha solución as nosas problemáticas.
Insisten en que son apolíticos “a plataforma está aberta a calquera ideoloxía, o único que nos move é solucionar os problemas que nos afectan a todos, sobre todo no referente aos accesos e viais de comunicación que se atopan nun estado de total abandono”.
Unha unión que entenden lle dará máis forza á hora de reivindicar as súas necesidades, e que logo dun par de meses con reunións entre eles os leva ao pleno de hoxe para darse a coñecer e sumar apoio. O seguinte paso será elaborar un “gran dossier de calamidades”, un documento no que recollerán todas as demandas veciñais para trasladarllo ao goberno.
Apuntan como algunha das actuacións máis urxentes as obras de saneamento en Cidadelle ou a humanización do vial da subida ao Colexio igrexa.