Logo dunha semana dende que rematara o proceso de selección dos doce traballadores necesarios para reanudar o servizo do Grumir, o Concello continúa á espera de que a Consellería de Traballo lles remita unha documentación imprescindible para proceder á contratación dos operarios.
O concelleiro delegado de protección civil, Eduardo Reguera, asegura que a posta en marcha do Grumir está á espera dunha resolución da Consellería de traballo xa que sen esa documentación o Concello non pode contratar aos doce traballadores necesarios para atender as emerxencias O goberno galego anunciara que as entidades locais poderían contar cos Grupos de Intervención Rápida no pasado mes de marzo, con todo, en Redondela a atención das emerxencias continúa baixo mínimos, xa que dende o pasado 19 de xaneiro tan só tres operarios están en activo. Para solucionar esta situación, no Concello realizáronse xa as probas para contratar a un total de 12 traballadores, nove peóns e tres capataces, que permitirían aos operarios organizarse por quendas de traballo e atender o servizo as 24 horas. Con todo, logo dunha semana dende que rematara o proceso de selección, a contratación destes 12 traballadores continúa á espera de que a Consellería de traballo remita unha documentación imprescindible para que o Concello poida facer efectivas estas contratacións. Segundo afirmou o concelleiro Eduardo Reguera “mentres non contemos con esa documentación o servizo de emerxencias continuará paralizado”.