A muller foi trasladada en ambulancia tras desvanecerse na area unha vez foi rescatada do mar. Os feitos acontecían o redor das seis da tarde do sábado cando tres nenas que estaban a nadar na zona da Punta xunto coa súa nai foron arrastradas polas correntes nun momento no que estaba a subir a marea. Alertado polos berros e as chamadas de socorro, o pai decatouse do que estaba a suceder e mergullouse no mar logrando sacar ás nenas pero, tras o esforzo inicial, non foi quen de sacar a muller. Sería finalmente un bañista que se atopaba tamén na Punta o que logrou auxiliar a muller e sacala á area cando estaba completamente esgotada e aterida de frío.
Outros usuarios do areal que estaban a navegar cunha zodiac lograron socorrer ao marido que, en canto viu que salvaban a muller, deixouse ir e foi recollido pola embarcación.
A peor parte foi para a muller que, posiblemente a causa do esforzo e o frío, desvaneceuse na area sendo atendida nun primeiro momento por unha enfermeira que estaba no lugar. Outros bañistas chamaron á Policía Local e ao Centro de saúde. Unha vez no lugar os axentes e os auxiliares médicos atenderon a muller que, xa máis recuperada, foi quen de desprazarse con axuda ata a ambulancia sendo trasladada a ao Hospital Álvaro Cunqueiro para a súa total recuperación.
Unha vez máis as correntes volven xogar unha mala pasada nun punto especialmente perigoso coas mareas altas e que todos os veráns deixan algún incidente destas características. O ano pasado tamén un grupo de bañistas dende terra e dúas piraguas dende o mar lograron rescartar unha muller e dous menores, un neno de 11 anos e unha nena de 10, que non podían regresar á praia tras seren arrastrados pola marea na zona da Punta. Do mesmo xeito que nesta ocasión todo quedou nun gran susto, pero que pon de manifesto a necesidade de sinalar en maior medida o risco existente nesta zona.