O peirao de Arcade acolleu na mañá deste domingo unha cita deportiva na que se bateron récords, xa que foron un total de 440 crianzas as que participaron na Carreira Infantil da Ostra celebrada no Peirao de Arcade, unha cita que, por primeira vez, contou cunha carreira inclusiva, adaptada e que tamén visibilizou a súa parte máis solidaria coa presenza da Asociación Bicos de Papel.
A carreira realizouse por categorías de idade, con percorridos adaptados e trazado na área recreativa do Peirao de Arcade. O obxectivo principal desta cita é a celebración da Festa do pobo a través dunha proba deportiva valorando sobre todo a compoñente social e participativa, representada con premios a todas e todos os participantes. Ademais este ano tamén se cambiou o percorrido deste evento deportivo que se centrou máis no entorno do paseo do peirao de Arcade.
Un evento non competitivo onde todos os participantes recibiron o mesmo agasallo como recoñecemento o seu esforzo: unha medalla e unha mochila coa súa merenda e con material didáctico e información relativa á promoción de hábitos saudables.
Ademais, é a primeira edición na que se realiza unha carreira inclusiva, que responde á oportunidade de participación conxunta de persoas con e sen discapacidade, adaptándose ás posibilidades de cada quen. Unha medida incluída dentro do programa”Soutomaior Inclusivo”.
O carácter solidario chegou da mana da Asociación Bicos de papel, que desenvolve o seu traballo coas familias cuxos fillos foron ou están a ser tratados na Unidade de Oncoloxía Pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, quen colocaron un stand durante o desenvolvemento da carreira co obxectivo de recadar fondos coa participación voluntaria dos participantes e as súas familias.
Unha carreira organizada polo concello de Soutomaior e na que colaboraron Abanca, Caixabank, Miler Vintage Running Club Pontevedra, a Rede Galega de Promoción da Saúde.Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.