A Concellería de Medio Ambiente, a través da empresa de educación medioambiental Alecrín, organizan durante toda a semana diferentes xornadas cos rapaces e rapazas dos centros educativos do municipio co obxecto de fomentar a cultura de respecto aos areais a través do coñecemento da riqueza que existe na praia de Cesantes. Os escolares realizan tamén unha recollida de plásticos como xeito de concienciarse de todo o lixo que acaba nas praias.
Unha actividade que se está a realizar ao longo de catro xornadas e que para a Concelleira Pilar Martínez “amosa a capacidade crítica dos rapaces e rapazas que están a asistir a estas xornadas didácticas que permiten que os participantes, todos eles de 5º de Primaria, coñezan as particularidades e características da súa contorna máis próxima ademais de educar en valores para que estes nenos e nenas sexas respectuosos co medio”.
O obxectivo desta acción, que está guiada por dúas biólogas e un biólogo, serve para que os pequenos teñan coñecemento da contorna mariña, da diversidade da flora e fauna da costa e coñezan a súa contorna natural, promocionando o respecto polo medio ambiente e a súa defensa.
A edil lamenta por outra banda que dende determinados partidos políticos critiquen o estado da praias cando se levan feito tres limpezas dende que arrancara o ano “nunca antes se limparan os areais en inverno”. Insiste en que as súas características como praia de fondo de ría fai que malia esas intervencións “coa retirada de kilos e kilos de paos, lixo e plásticos hai tan só tres semanas” en menos dun mes e con mareas especialmente fortes volva aparecer lixo nesa zona de Cesantes.