Os de Luis Ferreira xa están ascendidos matematicamente a falta de catro partidos para que remate a liga. Despois da vitoria sobre o Corzanes aseguran a segunda praza do grupo. Agora só pensan en rematar a competición do mellor xeito posible e en facer un equipo competitivo para a próxima temporada
Redondela ten xa un equipo en Primeira Autonómica despois de que este domingo o Chapela gañase diante do corzanes por 2-0. Con estes tres puntos os de Luis Ferreira xa están ascendidos a falta de 4 xornadas, xa que son 2º, e están 13 puntos por riba do 3º clasificado, o Erizana. O “obxectivo está cumprido”, tal como manifestaba con satisfacción o técnico do equipo, Luis Ferreira. Agora o liderado está complicado, pero non imposible. O Guardés está tres puntos por riba deles, e se falla, o Chapela non renunciará a nada. A próxima xornada o Chapela xogará no campo do Louro, da metade baixa da táboa, equipo que aínda non ten asegurada a permanencia, polo que será un “rival duro”, como nos comentaba o adestrador. Por outra banda xa pensan na próxima temporada, para a que terán que reforzarse, pero pensando tamén nos xogadores actuais, que foron “os que fixeron posible o ascenso e meréceno”.