A boa saúde do balonmán feminino en Redondea está garantida. O equipo de Chapela lograra xa o pase automático polos seus bos resultados na Liga Ouro de Infantil feminino. Un camiño que transitarán tamén as xogadoras da Sar tras participar e vencer esta fin de semana na Final Four celebrada en Culleredo e na que estaban presentes tamén os equipos Tecnosat BM Cangas, Balonmán Porriño e Nordata Xiria.
As xogadoras do infantil feminino SAR Rodavigo disputaban esta fin de semana a Final Four de Liga Ouro organizada en Culleredo, onde estaba en xogo unha praza para o Campionato de España.
O seu primeiro enfrontamento foi o sábado fronte o Balonmán Xiria, nunha semifinal que rematou con vitoria para as de Xeila Fervenza por un axustadísimo 22-23 que se dicidiu nos últimos minutos de partido.
Menos apuros pasaron na final onde lograron imporse ao Porriño por 21-27, conseguindo así o acceso ao Sector Nacional. Dende a propia Federación Galega salientaron o papel da xogadora redondelá Daniela Míguez, “encargada de ordenar o xogo no equipo campión baixo o fundamento de repartir, repartir e repartir e cuxas asistencias foron do mellorciño que vimos nesta fin de semana”.
O equipo infantil feminino da Sar segue así os pasos do Balonmán Chapela, quen xa lograron o pase directo tras quedar clasificadas no segundo posto na Liga Ouro Infantil. Un éxito que lles permitiu o pase directo ao Campionato de España.