Baixo a dirección de Roberto Casal presentan este domingo no Multiúsos da Xunqueira as obras “A escaleira” e “A disparatada historia do teatro”. Unhas actuacións que son a posta de longo do grupo de teatro xuvenil, integrado por mozos e mozas de entre 11 e 16 anos, e o grupo de adultos con 14 compoñente con idades que van dende os 23 ata os máis de 60 anos. A estrea será o domingo 5 de maio, ás 12.30 coa obra do grupo xuvenil e ás 19.30 coa peza do grupo de adultos.
Este domingo é o día elixido para estrear as dúas obras nas que estes grupos estiveron traballando durante todo o curso. O grupo xuvenil representará “A disparatada historia do teatro”, unha obra orixinal e divertida na que repasarán a historia da dramaturxia desde o comezo da humanidade ata os nosos días. O seu mestre, Roberto Casal, explica que contarán dun xeito “moi didáctico” a historia do teatro, poñendo en escena o que levan aprendido ao longo do curso “con exercicios e nos ensaios”. A obra “é froito do traballo de todo o grupo, ao longo do curso van achegando ideas, falamos, dámoslle forma entre todos e logo eu encárgome da dramaturxia”, sinala Casal.
No caso do grupo de adultos, con 14 compoñentes que van desde os 23 ata máis de 60 anos, a obra que representarán titúlase “A escaleira”. Trátase dun traballo orixinal creado tamén polo propio grupo da aula de teatro no que reivindican “a necesidade de declararnos vulnerables”. A mensaxe desa obra quere “identificarse co espectador” a través de diferentes escenas nas que actrices e actores rachan cos estereotipos. Roberto Casal explica que esta reflexión nace como resposta á idea xeneralizada durante a pandemia da Covid “de que temos que resistir, ser fortes e aguantar”. Nesta ocasión o obxectivo é “reivindicar o teatro como un espazo onde amosarnos vulnerables para poder evolucionar”, afirma Casal. “A escaleira” poderá verse ás 19.30 horas.
Desde a concellería de Cultura, a edil Rita Pérez, anima á veciñanza á achegarse ao auditorio para gozar destas pezas teatrais así como a participar nas aulas de teatro, especialmente aos mozos e homes adultos “xa que o alumnado destas aulas é maioritariamente feminino”. O grupo xuvenil está composto por 5 rapazas e 1 rapaz, e no de adultos son 11 mulleres e 3 homes.
Unha resposta
En la página del Concello no consta ningún grupo de teatro.
Es un secreto?