A paciencia dos veciños e condutores da estrada que comunica a N-550 e o polígono de Amoedo, atravesando a parroquia de Nespereira, esgótase ante a ausencia de prazos para o arranxo desta vía que, segundo denuncian, supón un auténtico perigo para condutores e viandantes ao carecer de beiravías, beirarrúas e cun firme en moi mal estado. Anuncian que “non pararemos as protestas ata que non arranquen as obras” e instan a Deputación a recibilos “logo de meses de ninguneo”.
O corte de tráfico, que terá lugar hoxe no Alto dos Valos, afectará a un dos carrís da N-550 dende as 19:00 ata as 20:30 horas. Unha protesta que supón agravar as mobilizacións, xa que ata o de agora os cortes de tráfico afectaban exclusivamente a estrada provincial. Alex Pérez dende a Plataforma confía en que a resposta veciñal sexa elevada porque o seu obxectivo é “facerse escoitar e que o organismo provincial se comprometa, cando menos, a recibirnos porque xa estamos cansos de promesas sen compromisos”.
Insisten en que o convenio remitido dende a Deputación ao Concello “non inclúe prazos, cando levamos anos reclamando esta obra imprescindible”. Critican tamén que a actuación formulada nese convenio supoña o arranxo de tan só 1,5 kilómetros da EP-2902 cando a súa demanda é que se arranxen os oito kilómetros da vía que lembra, é moi empregada tamén polo tráfico pesado que se dirixe cara o Polígono de Amoedo con risco que iso supón.