A Consellería de Medio Ambiente sinala que a estación depuradora de augas residuais de Arcade funciona correctamente en contestación a unha reclamación do BNG no Parlamento quen demandara medidas concretas para solucionar “o deficiente funcionamento da EDAR e evitar que se produzan verteduras contaminantes”
Asegura a Consellería, negando así as afirmacións realizadas dende o Bloque e dende colectivos como a asociación de Naseiros Alvedosa quen xa denunciaron en innumerables ocasións supostos vertidos da depuradora, que esta instalación funciona “correctamente, de acordo coa súa capacidade e tipoloxía de tratamento” e que os controis analíticos mensuais que se realizan corroboran o seu correcto funcionamento.
Engaden que “tamén os rendementos do sistema de desinfección son os axeitados, cunha taxa de eliminación de organismos microbiolóxicos superior en case todos os casos ao 95%”.
Por outra banda, Augas de Galicia lembra que o pasado ano realizáronse obras de mellora cun investimento de 202.000 euros para solucionar problemas no bombeo á EDAR motivo polo que se construíu un novo pozo de bombeo que permite alternar o seu funcionamento co existente.
Con todo, dende a Consellería afirman que se está a traballar no deseño de medidas que permitan mellorar a calidade das augas que afectan aos bancos marisqueiros. Estas medidas están enfocadas ao control das augas pluviais e á mellora dos sistemas de tratamento co obxecto de evitar vertidos ao medio receptor que poidan prexudicar ao medio natural e á actividade económica vinculada ao mar.