Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco golea en Tomiño

RR_Noticias

Os de Julio Álvarez ratifícanse como candidatos ó ascenso ó vencer por 0-4 ó Tomiño. Unha fin de semana con resultados positivos para os equipos locais cando están a piques de rematar as súas respectivas ligas. E bos resultados tamén no remo, con dúas medallas para o Club de Remo de Chapela na II Bandeira Deputación, disputada en augas de Arealonga.

Rexional PreferenteTomiño 0- Choco 4
 
O Choco golea en Tomiño. Os locais xogábanse as súas últimas opcións de permanencia na categoría, e os de Redondela seguir optando ó ascenso. Os de Julio Álvarez foron moi superiores. Xa se demostrou nos primeiros minutos do encontro, cando os redondeláns saíron moi decididos e controlaron o partido. A primeira opción tivérona no minuto 10, cun aviso de Aitor. No minuto 20, á saída dun córner, Manuel Lago, desde o frontal da área, bateu a Jorge cun forte disparo. E sen tempo para reaccionar, só 4 minutos despois, Molinos aproveitou un saque de esquina para facer o 0-2. E xa a partir de aí os redondeláns xogaron a pracer, sen que o Tomiño opuxese practicamente resistencia. No minuto 33 chegou o 0-3, obra de Manuel Lago, tamén cun forte disparo desde a frontal da área. E só un minuto despois, no 34, O Choco sentenciou cun gol de Aitor Gómez cunha fermosa xogada de todo o equipo. Nos minutos que restaban para rematar a primeira parte non houbo máis ocasións. E na segunda metade o xogo podería resumirse cun Choco controlando o balón e cun Tomiño incapaz de crear ocasións de gol.
Con este resultado o Choco mantén a segunda praza, e mantén intactas as opcións de ascenso a Terceira División. A próxima xornada reciben en Santa Mariña ó Barbadás, noveno clasificado.
 
Primeira Autonómica
Arcade descansa
O Arcade descansou esta fin de semana, e os resultados dos seus rivais directos fixérono caer un posto na clasificación, agora son 15º, ou o que é o mesmo, son 5º pola cola, polo que estarían en postos de descenso, se se cumpren as previsións de que sexan ata 6 os equipos que descendan este ano de categoría. Con todo, en Arcade son optimistas, e pesan que poden mellorar esta situación nas catro xornadas que lle quedan por diante, que serán catro finais. A primeira das citas, no campo do Rápido de Bouzas, será “a máis complicada de todas” segundo o adestrador, Jacobo Montes. 
Segunda Autonómica
Erizana 1- Chapela 2
 
Vitoria do Chapela no campo do Erizana. Os locais dominaron o partido no primeiro tempo, aínda que se chegou o descanso co marcador a ceros. Xa na segunda parte os de Luis Ferreira controlaron o xogo e impuxeron o seu xogo con goles de Carlos e Conde. Este resultado mantenos na segunda praza do grupo, aínda que como saben están xa matematicamente ascendidos, xa que superan en 14 puntos ó terceiro clasificado. O próximo domingo remata a liga, e poderán celebrar coa súa afección ese ascenso, será diante do Coruxo B.
 
Terceira Autonómica
Choco 2- Teis 0
As malas condicións do terreo de xogo en Santa Mariña provocaron que o colexiado decidise suspender o partido no descanso, cando o marcador reflectía o 2-0 a favor dos locais. E o certo é que ningún dos dous equipos se xogaba xa nada, nesta penúltima xornada de liga. Agora o Choco é 7º, mantén a mesma praza, e o Teis 5º, conserva tamén a posición, e non tiña xa ningunha opción de ascenso. Os redondeláns despediran a liga o próximo domingo no campo do Gran Peña, 12º clasificado.
 
Barciademera 2- Nespereira 2
O Nespereira sumou o seu sétimo punto nesta liga, cun empate no campo do Barciademera cando se xogaba o penúltimo partido da competición. Isto non evitará que rematen a liga como colistas. Despedirán a temporada na casa co Oliveira, penúltimo clasificado.
 
 
TRÁIÑAS- II Bandeira DeputaciónDúas medallas para o Club de Remo de Chapela na II Bandeira Deputación, disputada en augas de Arealonga. Foron segundos na categoría absoluta masculina e terceiros na xuvenil masculina. Tirán e Samertolameu foron os grandes vencedores, ó impoñerse nas categorías absoluta masculina e feminina, respectivamente. Na categoría absoluta feminina foron segundas náutico de Vigo e terceiras Bueu. Na masculina detrás de Tirán e Chapela quedaron os Mecos, do Grove. Na proba de xuvenil masculino impúxose Robaleira, por diante de Vilaxoán e Chapela.
As probas, organizadas polo Club de Remo de Chapela, disputouse fronte ó paseo de Cardona, cun forte vento e moito frío. A bandeira feminina levouna Samertolameu, pero na masculina houbo empate a 13 puntos entre Chapela e Tirán. Unha vitoria no cómputo a favor de Tirán desfixo o empate, e o estandarte levárono os do Con.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará