A asociación de afectados pola ampliación da autoestrada fan un chamamento aos veciños para tentar paralizar un proxecto que vai causar importantes prexuízos na parroquia
Os veciños de Chapela volverán manifestarse o vindeiro día 22 de maio contra o proxecto de ampliación da autoestrada AP-9, por entender que a construcción dun carril a maiores entre o Morrazo e Teis non solucionará os problemas de tráfico da comarca e pola contra prexudicará notablemente a unha parroquia xa moi castigada polas infraestruturas como é Chapela. A asociación de afectados explicou nunha asamblea celebrada a posado venres no Multiusos do Piñeiral as repercusión do proxecto de Fomento e lembrou a existencia dun recurso contencioso administrativo ante a Audiencia nacional aínda sen resolver co que pretenden anular a resolución do Ministerio de Medio Ambiente que eximía ao proxecto da avaliación ambiental. Un requisito que entenden necesario tendo en conta que a obra afecta a un espacio dentro da Rede natura e porque multiplicará o tráfico na zona. Por este motivo, fan un chamamento á cidadanía para que o venres 22 participen da marcha que partirá ás 19:00 horas dende o Alto da Encarnación e lembran que os proxectos non son inamovibles e poden paralizarse.